Xacob e Wilhelm Grimm http://www.bivir.com/bvcontos.html As andanzas do xastriño miúdo Tiña un xastre un fillo, un rapaz non máis grande có dedo polgar polo que lle chamaban Miudiño; non lle faltaban, sen embargo, valentía e coraxe, e díxolle a seu pai un día: —Pai, é a miña obriga marchar a andar mundo. —Paréceme ben, fillo –dixo o home. Colleu unha longa agulla e, na chama dunha candea, fíxolle arredor un puño de cera–. Aquí tes unha espada para o camiño. Antes de partir, quixo o xastriño xantar unha vez máis coa familia e brincou á cociña para ver qué preparara de despedida a señora Mamá. Pero xa a nai fixera a comida, e a pota estaba enriba do fogón. Entón preguntou: —Señora Mamá, ¿que temos hoxe para xantar? —Mira ti mesmo –respondeu a nai. E o Miudiño brincou ó fogón e quixo axexa-lo que había na pota, pero estarricou de máis o pescozo, enganchouno o vapor do caldo e arrastrouno pola cheminea arriba. Por uns segundos voou sobre o fume, ata que finalmente aterrou no chan. Agora xa estaba no mundo real; primeiro vagou por aí e chegou a entrar de aprendiz de xastre. Pero a comida non lle parecía ó rapaz nada boa. —Señora, se non nos dá unha comida mellor –díxolle á ama–, hei escribir na porta principal: moita pataca e pouca carne, aquí non serei nunca grande, e marcharei. —¿Que raio quererás ti, piollo saltón? –dixo a muller, encolerizada; e, acto seguido, colleu un pano e quixo baterlle con el. O noso xastriño arrastrouse rapidamente debaixo dunha alferga, asomou a cabeza e botoulle a lingua. Ela levantou a alferga para atrapalo, pero xa el brincara por entre os retallos, e cando a muller empezou a separalos coma unha tola buscándoo, coouse por unha fenda que había na mesa e berroulle: —¡Ei, ei, señora! –el asomaba a cabeza e, cando ela lle quería bater, metíase no caixón. Ó cabo colleuno, e botouno da casa. O xastriño comezou a camiñar, e chegou a unha grande fraga; alí deu cunha banda de ladróns que planearan rouba-lo tesouro real. Cando viron o xastriño, pensaron: "Un coma este pode meterse pola pechadura e servirnos de ganzúa." —¡Ei, ti, xigante Goliat! –berrou un deles– ¿ Queres vir rouba-lo tesouro real connosco? Ti ben podes meterte dentro e botárno-las moedas pola ventá. O xastriño reflexionou; finalmente dixo si, e foi con eles á cámara do tesouro. Alí observou a porta de arriba a abaixo para ver se atopaba algunha fenda pola que coubese; axiña descubriu unha suficientemente grande, e comezou a rubir ata ela. Un dos dous vixías da porta viuno e díxolle ó outro: —¿Que raio de araña noxenta está a se arrastrar pola porta? Hai que esmagala. —¡Veña, deixa a araña en paz, que non che fixo mal! –díxolle o compañeiro. Así, Miudiño conseguiu entrar na cámara, abriu a fiestra e comezou a botarlles moedas ós ladróns, que esperaban alí debaixo. Cando o xastriño estaba no mellor do seu traballo, oíu que chegaba o rei, que quería comproba-lo estado das súas riquezas, e ocultouse lixeiro. O rei decatouse que faltaban moitas moedas de ouro, pero non imaxinaba quen podería levalas, pois que as pechaduras e mailos pasadores estaban en perfectas condicións e todo parecía ben custodiado. Daquela marchou, e díxolles ás seus sentinelas: —Poñede moita atención, que anda alguén tralos meus cartos. E así, en retomando Miudiño o seu traballo, sentiron os gardas que se movían as moedas cun clin, clan, clin, clan. Entraron rapidamente na cámara para colle-lo ladrón, pero o xastriño, que xa os sentira vir, foi máis rápido e agochouse nun recanto, tapándose cunha moeda, de xeito que non se vía nada del. —¡Aquí estou! –berrou, facendo mofa dos vixías. Estes correron ó sitio; pero, ó chegaren, xa o xastre saltara para outro recanto agochándose baixo das moedas. —¡Ei, aquí estou! –voaron alí as sentinelas, e xa o xastriño estaba nun terceiro recanto. —¡Ei! ¡ Ei, aquí estou! –berrou unha vez máis. E burlouse así dos gardas e mareounos, ata que eles cansaron e marcharon. A continuación, botou as moedas para fóra, unha tras doutra, e en chegando á derradeira lanzouna con tódalas súas forzas, pegou un brinco para subir á mesma e saíu voando pola ventá. Os ladróns loárono moitísimo. —Es un grande heroe –dixéronlle–. ¿Gustaríache se-lo noso xefe? O Miudiño deu as gracias polo ofrecemento pero dixo que primeiro quería ver mundo. Despois repartiron o botín; mais o xastriño non colleu nada máis que un ochaviño, xa que era todo canto podía levar consigo. E así, axustou ben a espada ó corpo, despediuse dos ladróns e puxo terra de por medio. Traballou de aprendiz con outros artesáns, pero non lle acababa de gusta-los oficios, así que finalmente empregouse de mozo nunha pousada. Mais as criadas non o soportaban porque vía todo o que facían en privado sen se decataren elas e despois contáballes ós amos o que as tales collían dos pratos ou da despensa. Entón dixéronlle estas: —Espera, espera, que xa pagarás por todo isto –e acordaron entre elas facerlle unha xogada en canto puidesen. E foi así como un día, unha das rapazas estaba apañando herba cando o viu saltando por alí, entre as plantas. Rapidamente, cortou por onde estaba el e meteu o monllo nun pano grande para botalo no comedeiro das vacas. Seguidamente, tragouno unha vaca negra sen magoalo. Pero a el non lle gustaba nada aquel sitio, poia que estaba todo moi escuro e non había luz. Cando muxiron a vaca, berrou: —Pachín, pachán, pacheiro, ¿está xa cheo o caldeiro? –pero, debido ó ruído de muxir, ninguén o entendeu. Despois entrou o amo na corte, e dixo: —Mañá habemos mata-la vaca aquela. O Miudiño colleu medo, e berrou: —¡Deixádeme saír primeiro que estou aquí dentro! O amo oíuno, pero non sabía de onde viña aquela voz. —¿Onde estás? —Na negra –respondeu, mais o amo non entendeu o que quería dicir con aquilo da "negra", e marchou. Á mañá seguinte mataron a vaca. Por sorte, non lle caeu ningunha coitelada enriba cando a cuartearon e despezaron; e el quedou no medio da carne para picar. Como viña o carniceiro face-lo seu traballo, Miudiño berrou con tódalas súas forzas: —¡Non fagas cortes fondos que estou aquí debaixo! Ora, por mor do ruído da macheta, tampouco o escoitaron desta vez. Agora si que estaba en apuros, e saltou tan lixeiro dun lado a outro, entre coitelada e coitelada, que non lle rozou nin unha soa e saíu ileso do asunto, pero tampouco puido fuxir. Non había outra solución: tería que ir cos picóns de febras e touciño para face-los chourizos. Sendo alí o seu acubillo un algo estreito, e aínda colgaron os chourizos riba da lareira para afumalos: os minutos e mesmo os segundos facíanselle interminables. Finalmente, descolgárono no inverno para obsequiar a un visitante. Cando a ama o estaba a cortar en anacos, Miudiño puxo moita atención en non asomar moito a cabeza, non fose o demo que lle atinasen no colo; ata que, ó cabo, chegou a súa oportunidade: respirou aliviado e saltou para fóra. Como o xastriño non quería ficar nesta casa na que lle saíran as cousas tan atravesadas, botou outra vez a andar mundo. E atopou cun raposo que o atrapou coa boca sen querer. —¡Señor raposo! –berrou–, son eu o que está atrancado na súa gorxa, déixeme en liberdade. —Levas razón –contestou–, ti non me enche-lo dente; se prometes darme tódalas galiñas que teu pai ten no curral, déixote marchar. —Xúroo polo que máis queira –respondeu Miudiño–. Poderá ter tódalas galiñas, doulle a miña palabra. E así, liberouno o raposo e levouno el mesmo de volta á casa. Cando o pai volveu ve-lo seu meniño, entregoulle encantado tódalas galiñas ó raposo. —Por iso che trouxen esta moeda tan bonita –dixo, e deulle ó pai o ochaviño que conseguira nas súas andanzas. —¿Por que recibiu o raposo as pobres churras como xantar? —¡Ei, parviño, teu pai prefire te-lo seu rapaz na casa antes que as galiñas no curral!