[Image] [Image]Follas Novas de Rosalía de Castro [Image] [Image]Da Terra ¡CALADE! Hai nas ribeiras verdes, hai nas risoñas praias e nos penedos ásperos do noso inmenso mar, fadas de estraño nome, de encantos non sabidos, que só con nós comparten seu prácido folgar. Hai antre a sombra amante das nosas carballeiras, e das curtiñas frescas no vívido esprendor, e no romor das fontes, espritos cariñosos que só ós que aquí naceron lles dan falas I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos, en canto aquí ten vida, en canto aquí ten cores de brilo soave, de trasparencia húmida, de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer. Vós, pois, os que naceches na orela doutros mares, que vos quentás á llama de vivos lumiares, e só vivir vos cómpre baixo un ardente sol, calá, se n'entendedes encantos destos lares, cal, n'entendendo os vosos, tamén calamos nós. ********************** Miña casiña, meu lar, ¡cantas onciñas de ouro me vals! Vin de Santiago a Padrón cun chover que era arroiar, descalciña de pé e perna, sin comer nin almorzar. Polo camiño atopaba ricas cousas que mercar, i anque ganas tiña delas, non tiña para as pagar. Nos mesóns arrecendía a cousas de bon gustar, mais o que non ten diñeiro sin elas ten que pasar. Fun chegando á miña casa toda rendida de andar, non tiña nela frangulla con que poidera cear. A vista se me varría, que era aquel moito aunar. Fun á porta dun veciño que tiña todo a fartar; pedinlle unha pouca broa e non ma quixo emprestar. As bagullas me caían, que me fora a avergonzar. Volvinme á miña casiña alumada do luar; rexistrei cada burato para ver de algo atopar; atopei fariña munda, un puñiño a todo dar. Vino no fondo da artesa. Púxenme a Dios alabar. Quixen alcende-lo lume, non tiña pau que queimar; funllo a pedir a unha vella, tampouco mo quixo dar, si non era un toxo verde para me facer rabiar. Volvín triste como a noite a chorar que te chorar; collín un feixe de palla, do meu leito o fun pillar; rexistrei polo cortello mentras me puña a rezar e vin uns garabulliños e fieitos a Dios dar. ¡Meu San Antón milagroso, xa tiven fogo no lar! Arrimei o pote ó lume con augua para quentar. Mentras escaravellaba na cinza, vin relumbrar un ichavo da fertuna... ¡Miña Virxe do Pilar! Correndiño, correndiño o fun en sal a empregar, máis contenta que unhas páscoas volvín a porta a pechar, e na miña horta pequena unhas coles fun catar. Con un pouco de unto vello que o ben soupen aforrar, e ca fariñiña munda, xa tiña para cear. Fixen un caldo de groria que me soupo que la mar; fixen un bolo do pote que era cousa de envidiar; despois que o tiven comido, volvín de novo a rezar; e despois que houben rezado, puxen a roupa a secar, que non tiña fío enxoito de haber tanto me mollar. Nantramentras me secaba, púxenme logo a cantar para que me oíran en todo o lugar: Meu lar, meu fogar; ¡cantas onciñas de ouro me vals! SOBERBA Cor de promo, amontónanse as nubes; rodan lentas as ondas do mar; e zoando con son pavoroso, vén o huracán. ¡Que cargado está o ceo e que triste; que escuro, que negro tornándose vai! Encendámo-la vela bendita, que hai tempestá. Cabalgando nas alas dos ánxeles, por mandado de Dios correrán as centelas que asombran ós malos co seu lostregar. Nove follas de olivo queimemos porque alexen de nós todo mal, que nos libren de raio e centela que nos matar. O trisaxio cantemos en coro… Incrinaivos i a Dios adorai; pois si trona, é que quer recordarnos que é grande e inmortal. ¡Santo, santo!, din todos a unha, fillos e nai... Todos non, que un, soberbo e sañudo, calado está. Mais os tronos afunden os ceos e cega dos lóstregos o brilo fatal. ¡Ouh, que noite... ! ¡Que noite terrible de tempestás! El Señor está airado... ¡incrinémonos! ¡Ei, malvados da terra, tembrai! O que salvo esta noite saíre, que contar ha. – Ña nai, a vaca marela tembra coma vós na corte. ¿Fixo algún pecado ela? ¿Virá un raio a darlle morte? – Si ela non fixo pecado, mal cristiano, ti o fixeche; que es pecador rematado mesmo dendes que naceche. – ¿ I a probe vaca marela paga, decí, o que eu pequei! – Pagas ti; morrendo ela, di, ¿con que te manterei! ¡A PROBIÑA, QUE ESTÁ XORDA...! Alá enriba da montaña, sai fume das chamineas... Valor, meu corpiño vello. Levaime aló, miñas pernas. Paseniño, paseniño, aquí para, alí te sentas, irás chegando, Xuana, adonde as casas fomegan. ¡Dios diante, a Virxe te valla!, que hoxe, seica... seica... seica... has de comer sete cuncas de bon caldo, coa da cea, e mais compango de porco ou de sardiñas salpresas, que os montañeses son homes que cando dan, dan de veras. Dempois, quentaraste a un lume grande coma unha fogueira, e cando xa estés ben quente, ;a dormir... e que amañeza! I a vella vai, sube, sube a costa do mar de ovellas, cun ollo posto no chan i outro onde as casas fomegan. Mentras tanto, o sol da tarde tras dos pinares se deita, i aluma con tristes raios as sombrisas arboredas. Dos Anxos o val hermoso, sabán de verdor ostenta alá no fondo tranquilo que soaves brisas ourean. Aquí fonte, alí regato, a iaugua brila antre as herbas, color de ouro, que o postreiro raio de sol fire nelas. Quieta, docísima calma arriba i embaixo reina; a noite vén silensiosa, maina, pero sin estrelas. Nin siquera unha relumbra no firmamento, que espesa brétema tamén se corre polas llanuras etéreas. Comenza a orballar, escuro todo arrededor, a penas si acerta o que o máis conosa, con camiño nin carreira. Mas non importa por eso, que o que é valente é de veras. I a vella vai, sube, sube a costa do mar de ovellas, cun ollo posto no chan i outro onde as casas fomegan; que alí relumbra unha luz, e vai direitiña a ela marmurando: Arriba, Xuana; que ou me engaño ou terás festa. A esperencia insina a todos, e ten a vella esperencia: por eso non pensa mal, pensando que arriba hai festa. Un carballo arde no lume, i arredor do lar se sentan rapazas de alegres ollos, avós de brancas gadellas, vellas que inda rompen mangas e tocan as castañetas; os afillados que a dona i o dono tén pola aldea, i os amigos i os cuñados, os curmáns i a parentela toda xunta, e mailo crego i o zuruxano das bestas. Un cego ca súa zanfona en compaña doutra cega que, si ben lle dá ó pandeiro, fai falar as castañetas; un manco, un coxo, unha tola i outros probes, que se sentan nun tallo, para dez posto nun curruncho da lareira, e abofellas máis non caben anque algún máis vir quixera. Foran chegando, chegando máis de nove ulindo a festa, i a ningún botou da porta a rica da montañesa; que hai para todos o día que alí cocen, carne fresca por arrobas, e se fan papas de arroz en caldeiras. Matouse un carneiro, grande como un boi, e unha tenreira como unha vaca, e gordiña como unha cocha pequena. Hai viño a Dios dar, un viño do Ribeiro que é canela; e para a xente de menos haino tamén do da terra, un pouco agriño, mais fresco e sabroso como íresas. Coceuse unha gran fornada de millo branco que albea, con mixtura de centeo i unha pouca de manteiga. Parece biscoito a broa, i un non se ve farto dela; que inda é muito máis sabrosa que os moletes que en tres cestas, escollidos, de Santiago trouxeron as panadeiras. En fin, a comida roda polos pés, i o viño alegra as xentes tanto, que rabia de envidia a negra tristeza. Os probes que alí viñeron i atoparon lume e mesa, contan contos que dan risa, así ás mozas como ás vellas, uns en verso, outros en prosa, pois falan en todas léngoas, i apostan antre eles todos a quen fai copras máis feitas. Ma-lo da zanfona gana, que lle apunta a compañeira, e axúdalle o viño branco con que a gorxa lle refrescan. ¡Viva a cega! ¡Viva o cego! , de cando en cando lle berran, i el di, berrando máis forte: ¡Vivan eles! ¡Vivan elas! ; i a máis bonita de todas, que veña a darme unha prenda. ¡Ju juru jú!. I aturuxa hastra enxordece-las pedras, i a cega dálle ó pandeiro, i o cego toca nas tecras, i ó compás do zongne-zonyue, de novo bailan as nenas. E din os probcs, botando leña no lar: ¡Esta é festa! ¡Quen che hoxe andivera fóra ca tripa toda baldeira! I un ollo botan sorrindo ós feixes de palla fresca, onde han de dormir quentiños coma rixóns en caldeira, mentras fóra zoa o vento e ladran os cans nas eiras. Xa preto da media noite, dan encomenzo as peleas; os mozos loitan cas mozas, medindo as forzas que teñan e n’andan en comprimentos para botarse por terra. ¡Si as vírades que valentes se amostran na loita as nenas! ¡Fanlle ós mozos cada mágoa cas súas mans pequeneiras! – Un xa caíu... íoi un home... ¡Ela venceu, venceu ela! ¡Ben pola nena bonita! ¡Que vivan as montañesas! ¡Que vivan, pois loitar saben! – ¡Si fixo trampa...! – el contesta avergonzado – : foi trampa, que si non, nin cen coma ela. – ;Que trampa nin que morcegos...! Vencinte... – Non. – Si. – ¡Me venzas! E mentras que nesto están: ¡plum!, ¡plum!, ¡plum! dan cunha pedra na porta. – ¿Quen é! – perguntan. – Son unha probiña vella que me perdín neste monte... – responde unha voz que tembra –. ¿Non me darán pousadiña, que está chovendo e lostrega? – Vaia con Dios; xa vén tarde, non hai sitio – lle contestan. –, Que di, señora! Son xorda como un canto..., miña prenda. Ábrame a porta, que Dios llo pagará... – Probe vella... Un pouco adiante, pretiño, hai máis portas: chame nelas. – ; Que di, señoriña! Mire que está unha noite moi fera, e teño medo que os lobos me coman... – ¡Dios diante! ¡Seica... ! N'hai lobos aquí; ande, ande, vaia con Dios, que outra aldea hai preto. – ¿ Que di, señora! – Vaia con Dios, non sea terca, que aquí xa non caben máis, nin probes nin ricos, ¡eia! – ;Que di, ña filla...! Son xorda, e non oio anque me íendan. ¡Brrr, que frío, señoriña! Vosté que é tan limosneira, déixeme entrar, e estarei no cortelliño onda as bestas. ¡Brrr..., que morro ca friaxe! ¡Quenja!, ¡quenja!, ¡quenja!, ¡quenja...! ¡Que tos..., Dios me valla..., brrr! ¡Xa non podo máis! – Pois veña, e si non ten onde pórse, brinque a cabalo da artesa – falou a dona, que tiña o corazón de manteiga. – ¡Dios llo pague, queridiña! Xa topará a recompensa no ceu... Abra, miña xoia...– excramou de pronto a vella. – ;Logo n’é xorda, que oieu! – dixeron dentro, antramentras que quitaban o tranqueiro da porta. – ;Que di, ña prenda! Non lle oio nada, mas teño moito sentido... – ¡Abofellas que non mente! Vaia, vaia, adentro... – Santas i buenas noites teñan mis señores... ¡Xesús, seica están de festa, que hai moita xentiña xunta! De hoxe nun ano aquí os vexa. Dio-los bendiga..., el Sefior lles dé fertuna ás mancheas e saudiña... – ¡Amén, amín! – Busque un sitio na lareira e quéntese... –,'Que me dixo! Son xorda coma unha pedra, e a máis non probei frangulla desde onte á noite, e nas venas xa tcño o sangre callado polo frío... I antramentras que esto di, vaise arrimando ó lume moi compangueira cos outros probes, e fura por antre eles, por antre elas. Brinca por riba do cego, e que queiras que non queiras, sempre tembrando de frío e xorda como unha pedra, según di, no mellor sitio con moita homildá se senta e arrima un mando de lume pra onde ela está. – ¡Ei, miña vella! : mire que hai máis que vostede aquí; ¡que comenenceira parece!, – lle di outro probe cunha cara de desteta nenos. – ¿Como di, meu fillo? – (Sorrindo reprica ela, sentándose máis a gusto). Eu de calquera maneira me amaño; que así no ceo me amañe el Señor... – ¡Bah!, seica quer facer mofa da xente... ¡Poche, co xuncras da vella! Mesmo parece un espeto. –,Si quero un neto, ña prenda? Si mo desen, inda pode que pouco a pouco o bebera, pois teño moita sediña, e fame, e frío... – ¡Rabea, can!, que non vin unha xorda máis fraca nin lagarteira. ¿É filla dalgún raposo? – ¿Que pille un óso...! Da vella quérense rir... ¡Ai, Dios mío! pero a fame élle moi negra; tráiamo se é que inda ten apegada algunha freba, e ireino raspando a modo cun canteiro que me queda. Todos riron ca resposta e... – ¡Inda nunca Dios me dera – dixo o cego –, que esa xorda sabe máis que eu, abofellas! – Merece comer compango e voullo dar, miña vella, porque onde queira que a atopo, gústame sempre a sabcncia. ¡Coma e fártese! Aquí ten talladas e viño...; beba, beba pola miña conta á salú das montañesas, – dixo a dona, e doulle un prato de callos como unha cesta á probe, e viño, c pan branco canto quixo: fartouse ela mesmo hastra que tuvo a tripa coma un pandeiro. Rabenta por pouco...; mais o pelexo tiña duro, e nin siquera lle arregañou, i ó outro día xa estaba tan peneireira. – Coidado – lle dixo a dona cando se foi. Conta teña de non volver por aquí mentras lle dure a xordeira. – ;Que di, miña queridiña! – respondeu ríndose a vella. Son mesmo como unha tapia, e non lle oio anque me fendan. XAN Xan vai coller leña ó monte, Xan vai a compoñer cestos, Xan vai a poda-las viñas, Xan vai a apaña-lo esterco, e leva o fol ó muíño, e trai o estrume ó cortello, e vai á fonte por augua, e vai a misa cos nenos, e fai o leito i o caldo... Xan, en fin, é un Xan compreto, desos que a cada muller lle conviña un polo menos. Pero cando un busca un Xan, casi sempre atopa un Pedro. Pepa, a fertunada Pepa, muller do Xan que sabemos, mentras seu home traballa, ela lava os pés no rego, cátalle as pulgas ó gato, peitea os longos cabelos, bótalles millo ás galiñas, marmura co irmán do crego, mira si hai ovos no niño, bota un ollo ós mazanceiros, e lambe a nata do leite, e si pode bota un neto ca comadre, que agachado traillo embaixo do mantelo. E cando Xan pola noite chega cansado e famento, ela xa o espera antre as mantas, e ó velo entrar dille quedo: – Por Dios, non barulles moito, que me estou mesmo morrendo. – ; Pois que tes, ña mulleriña! – ;Que hei de ter! Deita eses nenos, que esta madre roe en min cal roe un can nun codelo, i ó cabo ha de dar comigo nos terrós do simiterio... – Pois, ña Pepa, toma un trago de resolio que aquí teño, e durme, ña mulleriña, mentras os meniños deito. De bágoas se enchen os ollos de Xan ó ver tales feitos; mas non temás, que antre mil n’hai máis que un anxo antre os demos; n'hai máis que un atormentado antre mil que dan tormentos. O ENCANTO DA PEDRA CHAN Co sono da inocencia, que non turban remorsos da concencia, i a Virxen ó seu lado dormían os meus ánxeles na cuna, cando, ás furtadas, nun sereno día, co peito palpitante de alegría soia saín en busca da fertuna. Iña tras dun tesouro cobisado, de todos iñorado, mais do que solasmentes eu sabía; e n’era só de prata, nin só de ouro aquel sin par tesouro, que era de un canto deseiar podía. Nunca eu fora nin rica nin dichosa, i ó ver que para selo só me faltaba o gordo dun cabelo, de seca espiña me tornara en rosa. E como virxen pura que por primeira vez sinte a dozura das inquietús do amor, asi eu sentía que algo que en min dormía, despertaba, chamándorne á ventura. Por eso, dando ó olvido as penas que me houberan consumido dendes de que nacera, via a terra i o ceo cor de esperanza, i ó meu redor, perene primadera. ¡Cal o sol relumbraba! ¡Que mansamente marmuraba o río! I o paxariño voador cantaba, mentras que eu camiñaba lixeira ó meu avío. Tal como a neve, albeas, as roupas i as marañas tendidas nas silveiras e as montañas, xa en raro, xa ás moreas, cal pinta a branca nube o ceo sereno, brilando ó sol pintaban o paisaxe coma ningún ameno. Cabo da ria na ribeira verde, a cal gana, a cal perde, xogaban os rapaces ca onda escrava; a anxeliño tocaba en un lugar veciño, e anque os pais do meniño, ó enterralo choraban que partían, compasívo-los vellos ¡de cantas penas se librou!, decian. En tanto os carros sin parar chirraban, mentras ó seu compás os carreteiros despaciosos cantaban; e aqui a íonte corría, alá nunha canteira resoaban, metálicos, os picos dos pedreiros. Máis preto, os cans ladraban i antre a í'ollax o vento rebulía indo das encanadas ós outeiros... ¡Canta paz!, ¡canto sol!, ¡canta alegría! ¡Ó fin, sorte, cansache! i o quiñón que famenta me negache na hirencia dos praceres, dándome só o das ansias e as peleas, cal a aqués que ben queres, ora darasmo en gustos ás mancheas. Esto eu iba dicindo, de dichosa cal n’outra presumindo, mentras que camiñaba tan contenta e segura de atopar a fortuna en que esperaba, cal sei que atopa a Dios quen o precura. Antre buxos e silvas agachado, o encanto deseado estaba como merlo no seu niño, polo romor das auguas arrolado do apartado moíño... Eu din volta á devesa, pasei a corredoira da Codesa, ¡i ó fin cheguei...!, i enriba dunha lousa, en onde á amañecida o corvo pousa, un nobre cabaleiro coa súa pruma enrisada no sombreiro, e vestido de seda e pedrería a estilo da treidora moureria, dou en chamarme arteiro, cun modo loumifieiro que do ceo, non da terra, parecía. ¡El é!, dixen ó punto temerosa... Mais o do encanto, afeito seica a tratar con damas dende antano, sin que de verme se atopase estrano, dende lonxe chamándome sorría. I o cco póndose íoi de cor de rosas, mentras nas carballeiras e encanadas sopraban unhas brisas repousadas, soaves e saudosas, cal promesas compridas si esperadas. Eu non sei que sentía vcndo que el en chamarme proseguía, pois antre ansiosa i adusta, cunha valor que asusta funme indo cabo del, de gozo chea, cal palomifia vai tras da candea. Tifia nas mans un cetro adiamantado; bateu con el na laxe misteriosa que se abreu, como se abrc do granado o froito sazonado; e con voz harmoniosa e garrido sembrante, ¡Vamos! – me dixo gasalleiro –, ¡adiante! E fun cal íolla inxel vai ca encalmada corrente, que primeiro asosegada a arrastra nas súas auguas cristaiñas pra darlle sepultura cariñosa nas orelas veciñas, e que dempois a leva, arrebatada pola negra enxurrada, ós abismos da mare tormentosa. ¡E entrei pensando penetrar no ceo! ~ Por que ten a maldade forza tanta! Pois canto á vista encanta e nos finxe o ardentísimo deseo nunca farto nin cheo, alí os meus ollos viron, e prendados quedaron como nunca e namorados. Do tesouro escondido o brilo e fermosura, ¿a quen que fose de muller nacido, a que mortal criatura n’a houbera contrubado e seducido! E na lumieira i antreaberta porta, sin astreverme, de primeiro ausorta, a vixiar da espréndida morada unha tras doutra estensa galería, cal si quedase para todo morta menos para o que vía, escramei no supremo da alegría: ¡Aquí Dios, aquí as dichas do universo sin voltas nin reverso; aquí o que a maxiñar nunca chegara a comprida ventura, que nunca outra topara máis grande, nin máis santa, nin máis pura! Tal brasfemei, sin medo nin coidado. ¡Tola de min, cegábame o pecado! I aquel brilo que vía ó par que me alentaba a fantesía daba comprida fe do ben buscado. Pensando que por sorte ó paraíso terreal chegara i era verdade a dicha que soñara, sin me acordar da vida nin da mortc, olvidando o pasado i o presente co porvir xuntamente, soio pensei en abarcar nun punto aquel tanto ben xunto, iñorado da xente. Co poder do que pode, erguinme altiva sin coidar canto a humana natureza é falibre e cativa; e maxinando eterna fonte viva tanta e tanta riqueza como ante min soberba se ostentaba, dixen seguindo ó hermoso cabaleiro: – Xa que vos atopei tan lisonxeiro pra gozar logo do que é meu, decime por onde debo encomenzar primeiro. – Por onde vós querás, reina e señora, – contestou gasalloso co seu falar gracioso –, que é voso canto aquí vos enamora; pero vós e mais eu antes bebamos nesta copa dourada polos mals que nos deixan e deixamos, i os bes que nos sorrín dende a alborada dunha mañán de abril nunca acabada. – ¡Pois bebamos!, ¡bebamos! – repetín eu, trubada e non de viño, sin que a sinal da cruz antes fixese pra que ben me emprestase o que bebese... I hastra o líquido íresco e cristaíño os dous nos abaixamos e ambas bocas mollamos... Nunca me olvidarei daquel momento de inmensa dicha e de infernal tormento, pois de dentro da copa saíndo de repente unha e outra cabeza de sarpente contra min se volveno desatadas, e todas xuntamente a un tempo asubiaron, e nas entrañas mesmas o aguillón pezoñoso me encravaron. Caín, cain ferida e casi que sin vida, e inda enriba de min, feras volveno co seu mortal veneno unha i outra sarpente maldecida. Cal brétema espallada polo Sur, na encanada dispareceu o lindo cabaleiro, i espesa nube de trebóns preñada, partindo da sombrisa Compostela, que no confín lexano se trasvía cal se trasvé na tarde morimunda a raia sin fulgor da noite fría, veu contrubar a miña mente inxela. I alí enriba da lousa en donde á mañecida o corvo pousa, atopeime de pronto sin ventura, das miñas doces ilusiós despida, soia e probe cal n'outra criatura, envenenada, triste e malferida. E non sei qué voz ronca marmuraba co vento que soaba: Coma ti, mal tesouro, que aquí deixou o mouro e que a cubiza alaba, son os encantos todos terreales: a tan grandes pracers, tan grandes males. ************** – Tanto e tanto nos odiamos, tanto e tan mal nos quixemos, que por non verme morriche, e desque morriche alento. Mas ora tócame a min tamén marchar, e di o crego que che perdone, pois logo axuntarnos volveremos. ¡O crego volveuse tolo! ¡Xuntarnos...! Nunca máis, penso; que si ti estás onda Dios, eu penso de ir xunto ó demo. Esto unha vella viúda, e terca como un carneiro, falaba do seu difunto, xa dos bichocos comesto. I en tanto que así falaba, tamén ela iba morrendo; Mas din que o difunto i ela se atoparon nos infernos man a man e codo a codo como dous bos compañeiros. – ¿Conque estás aquí! – lle dixo estonces a vella ó vello – ; pois voume adonde está Dios, xa que ti estás onda o demo –. E sin saberse por onde colleu direitiña ó ceo; mais topou fechada a porta, que lla fechara San Pedro. – ¡Prum!, ¡prum! ; ¡abrí, que son eu! – falou a vella moi recio. – ¡Non hai! – respondeu o Apóstol, apertando o tarabelo. – Coidá que xurei n’estar onde el esté, meu San Pedro... – ¡Non hai! – repiteulle o Santo, índose inda máis adentro. – ¡Por vida das vosas chaves, que facés un bon porteiro, e que roncás...! Xa se ve... ¡Como estades satisfeito... ! Mais eu xurei, e Dios manda que un cumpra seus xuramentos. ¡Á terceira vez...! ~Abrides? – Nin ás tres nin ós trescentos; a muller vaia onda o home: ¡Al infierno, anda al infierno con el, por sempre enjamás! – ¡Poche, meu santo San Pedro, que ben deixás conocer que andiveches sempre ceibo, que nunca foches casado nin na terra nin no ceo! Todíña-las comenencias para vós quixeches, ¡deño! ¿I a min non me dás ningunha! Pois ve que eu tamén as quero. Si aló con cadea andiven, en tela agora non penso, que todo ca morte acaba según pedrican os cregos. Unha ves nos separamos eu i o meu home, e por certo que foi pra sempre..., e está dito, pois son terca, si sós terco. ; Que non me querés na groria! Pois xurei non ir ó inferno, donde el está; i acabouse, e n'hai que falar máis desto. ¿Que habés de facer de min! ¿Irei ó limbo dos nenos! ¡Me vallas!, que xa estou deles hasta a punta dos cabelos. – ¡Caramba coa muller esta! – dixo eníadado San Pedro –, que si non fora por Dios... – Bah, señor, deixavos deso e permitime que pase... – Non, non e non. ¡Caramelos! Fóra daquí... – E ¡pum!, botouna direitiño cara ó inferno. – ¡Que o xurei!, Xa o teño dito... – berraba a vella –. Non entro. Señor, sefior... Sursum corda; aquí estou, e aqui me quedo. E quedouse, si, quedouse ¿Onde? Non se sabe certo, nin si foi porque a oíse Dios ou porque n’a quixo o deño. Só se sabe, ben sabido, que anda nas alas do vento metendo medo ós rapaces nas negras noites de inverno; encelando namorados, desfacendo casamentos, malquistando matrimonios... ¿ Por que n’a levou San Pedro? Que ora anda ceiba e ben ceiba para meternos no inferno. Poñelle a figa, mociñas, si querés ter casamento; que onde ela esté, nin un home toparés para un remedio. EN CORNES I Formoso campo de Cornes, cando te crobes de lirios, tamén se me crobe a ialma de pensamentos sombrisos. De Cornes lindo lugare, que cruzan tantos camiños: anque cuberto de rosas, as rosas tamén fan guizos. Antre as pedras, alelises; antre os toxos, campanillas; por antre os musgos, violas; regos por antre as curtiñas. Río abaixo está o moíño, Compostela río arriba... Río arriba ou río abaixo, todo é calma na campía. Convidando a meditare, soan de Conxo as campanas; beben os bois no teu río i o sol alegra a escampada. Das túas casas terreñas sai fume, i os galos cantan... ¡Quen en tan fresco retiro dirá que as dores fan lama! Donde hai homes hai pesares; mais nos teus campos, ña terra, maxino que os hai máis fondos cando te amostras máis leda. Porque eses tríos dos páxaros, eses ecos i esas brétemas vaporosas i esas frores, na alma triste ¡canto pesan! Polas silveiras errante vexo unha meniña orfa que triste vai marmurando: – ¡Ña Virxe, quen rosa fora! – ;Por que qués ser rosa, nena! lle preguntei cariñosa. I ela contesta sorrindo: – Porque non tén fame as rosas. Costa arriba, costa arriba, desandémo-lo camiño, fuxamos deste sosego, dos pesares enemigo. ¡Que negro contraste forman da natureza o tranquilo reposo, coas ansias feras que abaten o inxel esprito! II Cruceiro de Ramírez que te ergues solitario dos Agros na espranada, antre as rosas dos campos: o sol da tarde pousa en ti o postreiro coma nun alma triste pousa un soño dourado. Algunha vez no estío, eu ó teu pé sentada, escoito silenciosa, mentras a tarde acaba; baixo das pedras mudas, que teu sacreto gardan, maxino que resoa o brando son dun harpa, ¡música incomprensible que doutros mundos fala! ¡Tal de Memnón se oían ó amañecer na estatua, aqueles sons divinos que as almas encantaban! III Ódiote, campo fresco, cos teus verdes valados, cos teus altos loureiros i os teus camiños brancos sembrados de violetas, cubertos de emparrados'. Ódiovos, montes soaves que o sol poniente aluma, que en noites máis sereas vin ó fulgor da lúa, i onde en mellores días vaguei polas alturas. E ti tamén, pequeno río, cal n'outro hermoso, tamín aborrecido es antre os meus recordos... ¡Porque vos amei tanto, é porque así vos odio! SAN LOURENZO I Ó mirar cal de novo nos campos iban a abrocha-las rosas, dixen: ¡En onde, Dios mío, irei a esconderme agora! E pensei de San Lourenzo na robreda silenciosa. Nalgún tempo aqués vellos carballos, amostrando as súas raíces, cálva-las redondas copas que xa de musgo se visten, ás tristes almas falábanlles tan soio de cousas tristes. O alciprés que direito se asoma do convento tras do muro, i o lixeiro campanario cuberto de herbas e musgo, da devesa, co cruceiro eran cintinelas mudos. I aquel Cristo que no arco de pedra abatido a frente incrina, soio, cal si inda no Gólgota loitase coas agonías, ós corazós oprimidos resignación lle infundia. E si dentro do craustro deserto e ruinoso penetraba, nunca do olvido unha imaxen vira no mundo máis crara, nin de máis grande silencio na terra vos rodeara. No profundo da fonte escondida medraban con libertade antre as sílva-las violas, antre o buxo as dixitales, i a morte ¡cal fora grata naquel deserto lugare! E por eso ó mirar cal nos campos de novo abrochan as rosas dixen: ¡En onde, Dios mío, irei a esconderme agora! I ó bosque de San Lourenzo me encamiñei silenciosa. II ,Onde estaba o sagrado retiro! Percibín ruídos estraños. Pedreiros iñan e viñan por aquel bosque apartado. ¡Era que unha man piadosa coidaba os desamparados! Dunha ollada medín o interiore... Todo relumbraba branco, cada pedra era un espello, i o vello convento un pazo coberto de lindas frores. ¡Que terrible desencanto! ¡Negra nube cubreu de repente os meus ollos asombrados; e máis que nunca abatida, fuxín...! Que o retiro amado pareceume a alma limpa dun monxe sumerxida nos lodos mundanos. Marzo de 1880