[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | Enviar Correo | Poemas de Beatriz Dacosta Coma unha Pinga de Orballo es Amor, coma unha Pinga, cando te vexo, entre Luces escintilantes dos Soños, espido de Fendas, Tebras, espido de Noxo, Espiñas, unha Flor núa, amoroso. Coma unha Pinga de Orballo es Amor, coma unha Pinga. [Image] A Noite vermella pingaba no Pan. Partículas de Corpos ardían, ¡Lume!, Ecos de Peixes namorados nas Ondas, ¡Fauna intersticial subíndonos á Pel!, arremuiñados Cilindros nas Areas. Abriuse o Mar. A verba fíxose forte. Espada cortando Arterias, Sal e Carne. Tí, Serea, rabuñabas toda a Noite na procura de Fendas. Espacio-Tempo agardando Luz. Ti es a Filla do Mar. [Image] ADN Levo ancorado no peito amarrado con cadeas ADN de amor e silencio. ¡Código xeracional do lume da vosa terra!, asilado nas lembranzas deste inquedo corazón. [Image] A miña pel non é pel, é serpe, son serpe mudando corpo, ideas. Voltamos estrañas, entre alleas crisálidas. Só hai unha ferida de sal que é ausencia: un pai morto. O pobo xa non é pobo, é unha dorna infinda con lastros de barro onde escorregan peixes. O pobo é policromía de peatóns e tráfico a contraluz da campá da eirexa soa. ¡A fonte do Cabalo!. ¡A fonte do Galo!, ladaíña de augas cansas, pretéritas. Son pregamentos de hipérbolas enfiados nun colar de lembranzas. ¡E o adro!, onde corría sen pés, coma vento, entre anacos de nenos, inexistentes, ten a barba dun home vello. ¡Ó meu pobo nácenlle novos gromos, xermolan eidos mesturados nas rúas pobres, rilladas dos séculos. Voltamos á casa, a un lar dorido de pedra, ánima extinta onde un día fun feliz, e lembro, lembro, cansa coma a casa, todo o amor de pais, avós, das paredes derruídas e un infindo sorriso de leite nas vértebras. Abro as ás. Non son serpe. Son bolboreta. [Image] RECEITARIO Pasta de fígado na auga, batido ácedo de leite, dúas follas de bágoas colleitadas no albor, un bico murcho, quebrado para masa, volver, revolver. Esencia de dor, ausencia. [Image] Forma fetal. Posición de vida. Preparada dende o mar, r e n a c e r, escoito verdellos, peixes, mundos submariños. ¡Aló no fondo, nas furmas abisais, sen luz, agardando o intre de emerxer. Remexendo pedras, coma un feto. Racho cordóns, cadeas definitivas, unida á terra, a vós. ¡As derradeiras bágoas abren os ollos ós faros!. Buscando rumbo neste barco canso. ¡Sempre o amor, a lembranza!. [Image] O peito está murcho. Ermos os ollos. Cansas as mans, mamai. O sal abrasou sorrisos, dentes, auga. O vento dilata poros, sinala sendas de gaivota. Vou coller alento cara algunha luz, mamai. Repudio o baleiro. Dende o reverso da vida volto ós faros, espida, espida coma as redes, coma os anos, testemuña dun intre irrevocable. Sinalada en carne que nace, medra, fuxe. Tí, papai, sempre nos miolos, ADN infindo de tenrura. A senda da gaivota está aberta. Transcurso.