[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | [Image] A Armada Invencible (fragmento) de Manuel Forcadela, Narrativa, Edicións do Cumio, 1996 [Image] [Image] Por que razón o meu avó decidiu deixar o seu antigo negocio de comestibles na rúa Real e vir parar a esta vella casa é algo que nunca conseguiu saber ninguén, como tampouco ninguén soubo, a non ser Isolina cando pasou con el, fechada e sen saír da casa, os últimos meses da súa terrible agonía, por que motivo deixou de frecuentar aos seus amigos do Liceo ou cales foron as misteriosas causas que o obrigaron desde aquel momento a non contestar ao teléfono. Que alguén como don Timoteo Diaz, outrora memorable comentarista das noticias locais e mesmo célebre adiviño dos futuros da vila, colleitador das mellores confesións por boca das súas falandeiras clientes e dono dun dos servicios de información máis prezados da comarca, fechase para sempre o caderno das súas relacións e se entregase por enteiro e con aleivosía á máis austera das privacidades era algo que, por insólito, non podía deixar de ser tema de comentario. Como tampouco o deixou de ser o feito de que, tempo despois, se soubese que Isolina, unha muller que se criara coa miña avoa e a quen esta tiña case por unha filla, vivía desde había meses con el, habendo, como había, sospeitas máis que probadas de que a unión de ambos rebasaba os límites do meramente reprobable. Así as cousas, e sendo eu moi mociño, mesmo estando en idade de non entender, por simple descoñecemento da maior parte das palabras, quero dicir, tendo eu entón non máis de dous anos, así as cousas, repito, é ben fácil intuír cal podía ser o estado de ánimo da miña nai o día en que me levou, creo que contra a súa propia vontade, alentada polo meu pai, a visitar ao meu avó coa única intención de poñer orde en algo que (tal é a conclusión á que teño chegado despois de moito reflexionar sobre este asunto) por forza comezaba a complicar, e moito, a vida política da cidade e, sobre todo, a relixiosa, con intromisións dos poderes, tanto espiscopal como munícipe. A esta primeira presentación do asunto hai que engadir o dato de que moitas das clientas de Timoteo eran, igualmente, grandes rezadoras e moi poucas podían comprender que alguén como don Timoteo puidese encontrar maior deleite no amancebamento e na compracencia dos instintos da carne que no sufrimento de grandes paixóns, como a de Cristo, que elas celebraban e reiteraban cada tarde no rosario. Claro está que moitos dos pecados que se lle adxudicaron da noite para a mañá ao meu avó non foron máis que un emerxer repentino e moi viciado das represións máis íntimas daquelas tristes señoras, aqueixadas todas dun grao tan alto de soidade que as confesións de misticismo que facían, de cotío e publicamente, desprendían sempre un arrecendo algo noxento de luxuria. Pero o caso non está en saber por que don Timoteo comezou a resultar unha complicación para a miña familia senón máis ben en percibir os motivos reais daquela fuga do mundo, despois de ter escalado ata os cumios máis altos da discreta e nunca suficientemente eloxiada sociedade local. De todo isto e doutros temas, se acaso aínda máis variopintos, ocuparémonos nas páxinas que seguen sempre que a miña audacia e bon facer no relato sexan de interese para quen lea e este ou esta non encontre outros mesteres en que ocupar o seu tempo, habéndoos como os hai de moita máis inmediata satisfacción e limítrofe regalo. Partindo, pois, desa primeira pregunta adiantada no inicio e antes de dar conta doutras interrogantes que, estou seguro, han causar aínda maior hilaridade, se cabe, entre os ou as que me seguen, debo deter por un instante o meu discurso e presentarme, pois non está ben que alguén fale tanto tempo sen que o que escoita teña, cando menos, un primeiro adianto da súa identidade e, tamén, da súa entidade, sendo como son estes tempos moi pródigos en fala-baratos, díxome-díxomes, lambe-lareiras, cantantes e linguareiros, que de todo hai por esta parte da terra e nestas viñas do Señor. Así que aí vai, agárrense ben, póñanseme quietos, e non deixen que a boca se lles vaia como aos parvos e aos babiolos, dispensando, claro está, e con permiso de vostedes, porque o que lles vou dicir tampouco é para tanto. Ben, aí vai: eu son Barros. Si, si, Barros, o caladiño. O mesmo que hai agora dez anos casou con Toñita Segura, a filla de dona Satisfacción, que en paz descanse. Ese mesmo. Nin máis nin menos que o neto máis pequeno de don Timoteo Díaz Barros, meu avó. Xa sei que non me lembrarán porque hai xa bastante tempo que saímos de aquí e a verdade é que eu, por mor das miñas ocupacións, nunca tiven unha semana para regresar e facerme cargo da casa. Pero agora que eu son pouco menos que o único con catro dedos de fronte que queda nesta familia, sobre todo despois de que a miña irmá Charito se fugase co tolo de Amancio Machín, con grave escándalo e alteración da moralidade para todos, que eu entendo que se queixen porque esas cousas aquí nunca pasaron, non teño máis remedio que poñerme ao tanto do que hai e como non todo é coser e cantar, nin, como ben saben, se resolve en menos do que canta un galo, que hai cousas que, falando en prata, son para cantarlle as corenta a calquera, por moito que chova a caldeiradas, a mares ou a varrer, veño facerme cargo da facenda e mentres poño orde aquí e acolá aproveitarei o tempo en cantar algunhas das glorias do pasado. Guíame, pois, oh musa, por estes mares procelosos e non deixes que as nocturnas ofrendas a Baco desvíen o curso do meu rumbo, concedéndome unha venturosa e benéfica arribada Pois ben, sobre a repentina desaparición e enclaustramento do meu avó, unha vez considerou que os seus anos laborais chegaran ao remate, circulan desde aquela versións moi diferentes, todas soportadas por un algo de real, e a maioría producto dunha elaboración colectiva, como se a través desa figura, outrora existente e hoxe soterrada no cemiterio desta vila, os nosos veciños e concidadáns botasen man dun innato poder creativo e se deixasen levar polos delirios e as febres da ensoñación, victimas, acaso, dunha potestade que para si quixeran moitos escritores. Ben certo é que entre todos os que contribuíron a crear a misteriosa brétema que o envolve, como a néboa embrulla o caparazón murcho da cidade antiga agás nos meses de verán, hai que distinguir entre tirios e troianos, ou sexa, entre aqueles que aportaron as particularidades máis emblemáticas da suposta personalidade do meu avó e aqueloutros que unicamente se dedicaron a espallar, con fruición e deleite, os trazos lendarios do seu querido mito. Non é este o momento de sinalar unha nítida fronteira entre os primeiros e os segundos. Por outro lado, o bando a que pertenza cada un dos creadores de murmurio que a seguir se citarán pode ser reconstruído, con algo de paciencia, polo estoico lector que xa a estas alturas do escrito comeza a sospeitar o que vai vir e, con certeza, ve medrar na súa conciencia a oportunidade dun café ou calquera outro excitante que lle permita continuar ata o remate o discurso destas páxinas, devorado interiormente pola crueldade felina da feroz curiosidade. Pois, oh musa, ti ben sabes que a mesma intriga e suxestión que guía a quen escribe contáxiase logo e posteriormente a aqueles ou aquelas que len, de xeito que uns e outros, unhas e outras, gozan e padecen dos mesmos regodeos e contentos, dos mesmos desconsolos e tribulacións. Téñase en conta, sen embargo, que ocuparemos o máis do noso tempo en falarmos dos auténticos creadores, esquecendo mesmo a todos aqueles que non foron máis que vehículos de transmisión, canais de transferencia. Aínda que, sen dúbida algunha, o verdadeira protagonista, o único e irrepetible personaxe, the one and only, que construirá esta historia non será outro que don Timoteo Díaz Barros, meu avó.