[Image] | Textos | Crítica | Debates | Informes | Cantigas de Amigo | Enviar Correo | Da transición da palabra ás palabras da transición. Lectura do libro A Noite nas Palabras de Román Raña Lama, Ed. Sotelo Blanco, 1996 por Xoán Carlos Domínguez Alberte Máis da metade dun século hai xa que transcorreu dende que os escuros avatares da historia provocaron a mudanza no decorrer cultural e impuxeron unha nova situación que cambiaría de raíz a expresión dun pobo. No por veces lento decorrer do tempo terían de pasar anos e décadas para que a recuperación consolidase e un novo tempo sobrepuxera a luz da palabra. Así, pasados os anos e renovadas as xentes, o coñecemento dos feitos e a suficiente perspectiva fan posíbeis esforzos coma o do presente volume que, amais de organizar e penetrar nun heteroxéneo corpus, deitan luz sobre unha zona aínda abondo en sombras e pouco estudiada do noso pasado máis presente. Nese período máis escuro aínda con nome de contenda en que a voz saía máis difícil e o poeta se mostraba máis oculto, Román Raña centra neste caso a súa atención e análise para elaborar a súa proposta de lectura sobre o que de modo principal constitúe a producción poética en Galicia dos anos que seguiron á guerra civil. Na escolla dun método crítico o autor manifesta se decantar pola tendencia estilística como modelo de análise e centra como campo de estudio a liña intimista da poesía galega do período de posguerra, aquela que se estende de 1947 a 1962, de Cómaros verdes a Longa noite de pedra. Iníciase este extenso traballo cun capítulo que leva por título "Os antecedentes", que, a xeito de precedente enmarcador, desempeña a función de servir de introducción do que levaba constituído a literatura galega moderna de expresión poética anterior ao obxecto de estudio de seu deste volume. Nel, centrándose nos períodos fundamentais da nosa historia literaria no que á evolución poética corresponde, dáse conta, en primeiro lugar, da pluralidade temática da producción dos tres grandes mestres do Rexurdimento e ponse en evidencia a presencia da corda intimista na súa obra. O período "Entre dous séculos" dá conta, dentro da temática intimista, dalgúns dos sonetos compostos por Noriega Varela, influenciados pola obra dos poetas saudosistas portugueses e, especialmente, da poesía, de ton popular, de motivación amorosa de Ramón Cabanillas, presente máis exclusivamente no libro A rosa de cen follas. Dentro dos poetas que constitúen a Xeración do 22 incluso os máximos expoñentes da vangarda non son quen de se arredar da materia poética do intimismo. Daquela, a emotividade non é para nada allea á producción do autor de De catro a catro e Con anacos d’o meu interior, quen introduce a súa dorida sentimentalidade nas imaxes que crea. O mesmo acontece coa producción de Álvaro Cunqueiro, que mesmamente nun libro tan anovador e de xinea surrealista como Poemas do si e non amosa a súa natureza máis afectiva.No apartado nuclear do libro, que leva por título "A poesía galega de posguerra", divídese, de xeito predominante, en función dos criterios temáticos adoptados, este variado corpus de textos na dirección intimista e mais na social-realista, de distinta prevalencia segundo a década que se tratar. A anormalidade tráxica dos acontecementos que a sublevación fascista implantou sería a que chegase a determinar a confluencia do discurso poético de homes pertencentes, tanto xeracional como esteticamente, a diferentes promocións literarias que, no intervalo de tempo que media entre o final da contenda e a publicación do libro de Celso Emilio, cun título que valeu para definir todo este período, publican a súa obra nestes anos de represión. Por tanto, os serios condicionamentos que coutaban con evidencia non só a expresión intervirán de modo decisivo na producción poética, dada a pechazón cultural abafadora, a censura ideolóxica e, entre outras, a presión, amais da literaria, da lingua de Castela sobre do verbo creativo galego. O paisaxismo, imaxinismo, neopopularismo e neotrobadorismo, son, tal e como o autor indica, liñas poéticas menores que, se ben se rexistran en moitas obras, non chegan a callar con solidez máis ca nuns poucos textos, ao tempo de conviviren distintas correntes nun mesmo autor. Este é o caso, por exemplo, do libro Poemas de ti e de min que, co seu irmán Emilio, publicou Xosé María Álvarez Blázquez en 1949, ou ben do Cancioneiro (1956), de Eduardo Blanco Amor. Máis afíns a unha tendencia semellan, pola contra, outros libros, tal é o caso do Cancioneiro de Monfero (1953), do propio Álvarez Blázquez, e unha parte do libro publicado por Álvaro Cunqueiro en 1950, dentro da liña neotrobadoresca, ou a paisaxista de Os eidos (1955), de Uxío Novoneyra. O estudio da corrente intimista dentro da poesía de posguerra é o que ocupa a meirande parte deste traballo e suscita tamén o maior interese, nun plano xeral, do punto de vista da profundidade da análise. Denantes de se precipitar pola lectura dos poemarios capitais deste período a consideración do autor, analízanse outros títulos que, alén de pulsar diversas cordas no que á composición da materia poetizada se refire, confirman o elemento intimista e confesional no interior dos mesmos. Entre eles, Do sulco (1959), de Xohana Torres; O paxaro na boca (1952), de Luz Pozo Garza; Íntimas (1952) e Maturidade (1955), de Pura Vázquez; Poemas pendurados dun cabelo (1952), de Ricardo Carbalho Calero; Poema das materias sagras (1960), de Faustino Rey Romero e, Arredores (1962), de Antón Tovar. Da poesía do autor de Sombra do aire na herba (1959) remárcase o seu carácter sincrético integrador de variados discursos que constitúen, polo talante do seu creador, unha poética senlleira dentro da poesía galega do presente século. O predominio do ámbito doméstico, unha emotiva reclusión en contacto coa natureza xerminal, a reflexión sobre a condición do creador da palabra, o medo en esencia, o devezo esencializador, a sutileza do erotismo son, nunha poesía densa no visionario das súas imaxes e tecida de símbolos, elementos propios da orixinalidade de Luís Pimentel que, á vez que achegan a súa obra á de grandes creadores da literatura universal, como Rilke, Juan Ramón Jiménez, Chesterton ou Bashô, singularizan a súa lírica dentro do evoluír das nosas letras. A producción de Aquilino Iglesia Alvariño encétase, pola súa banda, no período de posguerra co emblemático Cómaros verdes (1947) que, a dicir do autor da presente publicación, resulta pioneiro de varias das liñas poéticas cultivadas na literatura galega deses anos, tales como paisaxismo, imaxinismo e neotrobadorismo. De Lanza de soledá (1960), xa analizado nun volume publicado anteriormente, no que constitúe a outra parte deste traballo de investigación —A vixilia no Gólgota infinito (As liñas temáticas de Lanza de soledá)—, tamén se indica o seu carácter singular nas nosas letras polo seu clasicismo, unido a unha longa tradición paisaxista e un vocabulario enxebre. De especial interese resultan as citas contidas neste volume de poetas e autores estranxeiros, tal o caso de Eliot ou Lucrecio, que, conxuntamente co apartado "Nenias" do libro referido anteriormente, enchen de ecos universais a nosa poesía e supoñen un claro precedente a boa parte da que se habería de facer en Galicia na década dos oitenta, entre a que estaría representada en boa medida a producción do autor de Extramuros da noite (1985). Así mesmo, tería sido conveniente facer referencia ao libro Nenias, publicado en 1961, no que agora se inclúen, de modo significativo, entre outros, poemas como "García Lorca" e, en especial, "Luis Pimentel". Poderosa influencia na poesía dos oitenta é a representada por Álvaro Cunqueiro, quen xa en Dona do corpo delgado (1950) anticipa estilo e contidos dunha poesía que, concentrada no home e na beleza da expresión poética, terá como máximo exemplo e título fundamental o de Herba aquí e acolá, editado en 1980. Pola súa banda, un sentido diferente alcanza a poesía de Xosé María Díaz Castro, representada por Nimbos (1961) e caracterizada por formar parte dunha lírica de dimensión relixiosa e existencial. Poesía que se vale do xogo de contrastes, tanto na esfera luminosa coma na do material-espiritual, chegando a enxergar unha voluptuosidade mística para a que, dende logo, non resulta para nada alleo o amor. De Celso Emilio Ferreiro, o último autor estudiado dentro da corrente intimista, remárcase a pluralidade da súa poética. Daquela, se xa en O sono sulagado (1954) se contiñan as diversas direccións temáticas que a súa pluma habería de cultivar, malia, non obstante, dunha prevalencia nel da corrente intimista, tamén en Longa noite de pedra (1962), principal expoñente da poesía socialrealista en Galicia, o discurso persoal e a preocupación metafísica consegue momentos de elevado lirismo nalgunhas das súas composicións. Pola contra, a aparición no poemario de 1954 de versos coma "A liberdade endexamais se acada / e nós, os homes, nunca tivemos azas." denuncia a presencia dunha liña de poesía cívica e combativa, analizada na derradeira parte deste libro, que se constituirá na outra gran dirección da poesía galega do período de posguerra. A excesiva vehemencia no seu tratamento e valoración da iracundia manifesta cara ao intimismo parecen inducirnos, por outra parte, a unha reflexión máis detida do que resulta a evolución literaria galega do presente século e sobre todo a partir do nacemento de Galaxia, en que comeza a se observar un máis notorio contraste xeracional entre autores. Mais, a pesar do meritorio e o importante esforzo que supón a presente investigación, con todo, non se pode, á fin, deixar de sinalar certas eivas, coma no caso precedente, que, sen lle restar o valor intrínseco que este traballo de seu ten, si desmelloran en parte a súa redondez e sobre todo o resultado final do mesmo. Entre estas cómpre indicar, nun principio, dun punto de vista contextual e enmarcador da parte nuclear deste traballo, a escasa referencia aos acontecementos que mudaron de raíz a situación da Galicia antebélica e, especialmente, aqueles feitos que, dende unha perspectiva tanto política coma cultural, amordazaron, xa no período após a contenda, a libre expresión dun pobo ou condicionaron a súa palabra. En consonancia con isto, e no que é unha perspectiva de campo máis reducida, é mester obxectar, malia a declarada escolla da tendencia estilística como método de análise, a ausencia dunha perspectiva cultural que dese conta, xa dentro do terreo da lírica galega, dalgunhas publicacións periódicas de especial importancia ou única presencia naqueles anos escuros. Eis os casos de Alba, Mensajes de Poesía ou Aturuxo, que amais de reflectiren unha incontestábel penuria expresiva ou ideolóxica e evidenciar o receso sufrido pola nosa cultura tan de socato, conteñen ao mesmo tempo delicadas mostras de sensibilidade creativa e primeirizos exemplos de recuperación. Tamén se bota de menos un breve percorrido pola prensa periódica da época, en xornais como Faro de Vigo ou, máis en especial, o diario La Noche, onde se pode observar a recepción e acollida crítica deste xeito de facer poesía. E xa nun plano de enfoque máis restrinxido e dentro dunha orde máis particular, poderíase cuestionar a lectura feita á ruptura da poesía dos setenta, coa falta de valoración dun libro coma Seraogna de Alfonso Pexegueiro ou o escaso tratamento da incidencia de Herba aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro no que habería de ser a nova poesía. Pero, en definitiva, estas non son máis que algunhas lagoas observadas nun traballo destas características, que ao noso entender supón un esforzado inventario de boa parte da producción poética de posguerra e mais unha proposta de organización e escolla cualitativa. Polo tanto, á consecución das intencións propostas polo autor ao inicio, engádese, polo derradeiro, unha aposta por indagar con acerto en novas realidades que ata o entón non tiñan sido consideradas co debido merecemento.